AVANZA TRASDEZA da a coñecer o nome do gañador do o “I concurso de deseño de camisetas solidarias”, unha iniciativa solidaria posta en marcha fai dous meses, dirixida á participación dos mozos e mozas con idades entre 12 e 25 anos.
Cada participante deseñou un debuxo relacionando o nome de Silleda cunha acción, movemento ou situación solidaria. AVANZA TRASDEZA recibiu en total 12 deseños de mozas e mozos silledenses, e a súa presidenta, Pili Peón valora “moi positiva esta iniciativa xa que tivo moi boa acollida entre a xente máis nova”. Ademais apuntaba que “todos os deseños recibidos son de gran calidade e con slogans moi variados”.
O xurado composto polo deseñador gráfico Alejandro Domato, o publicista Juan Carlos Salgueiro e a deseñadora Yolanda Mato, non tiveron fácil a elección do gañador, aínda que finalmente se decantaron polo deseño de Patricia Rozados, de 22 anos e veciña de Margaride, que presentou ó concurso un deseño sobre a violencia de xénero. “Elixín este debuxo en forma de arañeira xa que a violencia contra as mulleres é un tema que nos atañe a todos e todas e co que a sociedade se debe solidarizar” di Patricia.
Con este deseño, AVANZA TRASDEZA fará unha impresión de 150 camisetas que poñerá a venda, e os cartos recadados serán doados á Cruz Roja Internacional, organización elixida pola gañadora. Este ano AVANZA TRASDEZA quixo limitar as ONG ás que dirixir este donativo a aquelas que estean a desenvolver o seu traballo en Haiti.
Ademais Patricia Rozados recibirá unha tarde de PAINT BALL de balde para 10 persoas.