O PSOE de Silleda, a través da súa edil e secretaria de Servizos Sociais, Dolores García, volve acusar ao goberno de desidia para concluír o proceso de cesión dos centros de saúde de Silleda e A Bandeira á Xunta.
Di que fai tres meses denunciaron nos medios, así como un mes mais tarde no pleno esta “situación de irresponsabilidade” sen que ata o momento a concelleira de Servizos Sociais e Sanidade diga absolutamente nada sobre iso.
Para a socialista, que o goberno leve 10 meses sen facer ningunha xestión para conseguir o aforro dos gastos básicos do inmoble como pode ser a calefacción ou a luz “é motivo para esixir responsabilidades á concelleira de sanidade, cuxa inoperancia está causando un dano ás arcas municipais” . Recorda que, fai tres meses, desde a Fegamp indicouse que non houbo ningunha variación no expediente logo da moción de censura, “mentres outros concellos xa están gozando deste beneficio económico”.
Recorda ademais que o goberno no seu xa “tristemente famoso análise económico financieiro” consideraba indispensable esta cesión “que non son capaces nin de intentar formalizala”
O PSOE non entende por que o goberno non continúa cos trámites de cesión, e anuncia que pedirá explicacións de novo na próxima sesión plenaria “a ver se dunha vez a concelleira se digna a falar no pleno e a dar unha resposta co que está pasando”.