Paula Fernández Pena, voceira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Silleda, presenta para o seu estudio, debate e aprobación, se procede, por parte do Pleno do concello a seguinte moción.
En Silleda debemos ter unha aposta clara e definida nas políticas municipais para a mocidade tendo como eixos de actuación a promoción do asociacionismo xuvenil e a dinamización sociocultural da xuventude de Silleda.
A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) orienta e distribúe información sobre temas de interese sobre o sector como os relacionados co emprego, subvencións, tempo libre, orientación académica e intercambios, entre outros. Expide o carné xove para mozos e mozas de 12 a 26 anos. Pero non semella suficiente.
Dende o Grupo municipal socialista incídese na necesidade de desenvolver iniciativas propias dirixidas á mocidade, así como outras que xordan dende os propios colectivos, cun labor de apoio e asesoría técnica ou establecendo as correspondentes liñas de axuda.
Pero mais aló de iso debese foméntase tamén a creación de espazos de formación para que os mozos e mozas membros de asociacións xuvenís poidan facer uso dos recursos postos á súa disposición.
Cóntase cun equipamento municipal ubicado na Casa da Xuventude que está sendo utilizado como Ludoteca exclusivamente e a Casa de cultura que se adica a eventos ou a formación, esquecéndose sistematicamente a franxa de mocidade entre os 14 e os 30 anos.
E necesario un novo esforzo municipal que oriente as súas iniciativas na posta en marcha de equipamentos que dean satisfacción ás demandas e aos intereses da xuventude Silledense. Débense utilizar os inmobles existentes para a creación dunha Sala Xoven de Creación Cultural que inclúe posta en marcha de locais de Ensaio de Música para mozos e mozas.
Nesta sala os mozos poderán ter as súas reunións, celebrar os actos culturais vencellados as súas asociacións e ter un local de ensaio onde dar renda solta as súas condicións musicais.
E por todo elo, propoñemos ao pleno a adopción do seguinte acordo:
Que se redacte un proxecto de mellora do anfiteatro da casa da Xuventude para acondicionalo como Sala Xoven de Creación Cultural.
Instar a Xunta de Galicia a que a través da dirección Xeral de Xuventude consigne os fondos necesario para habilitar o salon de actos da casa da Xuventude como Sala Xoven de Creación Cultural.