22 de decembro de 2010.- Á vista das declaracións do Xerente de Atención Primaria, nas que queda clara a posición da Consellería de Sanidade de que non dotarán de máis médicos ao Concello de Silleda, as forzas políticas da oposición, PSOE e BNG, puxéronse en contacto esta mañá para establecer unha fronte común de traballo para , máis aló de correntes ideolóxicas, analizar as vías axeitadas para tentar solucionar o conflicto xerado nos Centros de Saúde de Silleda e Bandeira, polo traspaso de médicos cando o que se precisaba era un facultativo máis para dar servizo a tódolos veciños de este concello.
Entre as accións que poñerán en marcha será propoñer aos colectivos veciñais a necesidade de creación dun foro social dende o que se poidan dirixir as accións que axuden a solucionar este conflicto.
As forzas políticas, consideran necesario a creación deste foro social en tanto o goberno municipal, deixou de ser un interlocutor válido para solucionar este conflicto con Sanidade logo de que enganara clarísimamente á cidadanía, con pretensións propagandísticas, ao facer o anuncio dun novo médico para Bandeira, esquecendo deliberadamente informar da desaparición dunha praza no de Silleda.
Convocáranse aos colectivos nos vindeiros días, esperando, ámbalas dúas forzas que se incorporen a este proceso, as dúas asociacións maioritarias Olaia e Avema, e abrindo o mesmo o resto dos colectivos veciñais que queiran ter voz neste proceso.
A postura tanto do PSOE como do BNG é coincidente en tanto se pretende levar a este foro propostas como a demanda dun médico máis no ambulatorio de Silleda así como melloras no mesmo, a mellora das condicións do Centro de Saúde da Bandeira equipándoo e dotándoo dos servizos necesarios para que os dous facultativos poidan desenvolver a súa labor nas mellores condicións, sen esquecer tampouco a reclamación da cobertura das baixas médicas ou a mellora do servizo pediátrico.