En outubro de 2010, cinco concelleiros do PP que renunciaran días antes á súa militancia e dous tránsfugas socialistas desbancaban a Paula Fernández da alcaldía de Silleda entre as protestas dos veciños e a algarabía da militancia do PP local. Ás portas das municipais, asegura que o clima político na vila é “lamentable” e marcado pola “crispación” do equipo de goberno que, asegura, foi “fomentado” polo conservador Rafael Louzán.
Como van as cousas en Silleda?
Aquí as cousas seguen moi complicadas. O novo goberno demostrou que aquilo da transparencia, diálogo e concordia que prometera, nada de nada. Cando a nova alcaldesa chegou ao poder, acusounos de gobernar en minoría, de ter unha actitude ditatorial... Só uns meses despois, eles gobernan en minoría e cun goberno totalmente desestruturado. Nós tivemos que presentar incluso un contencioso administrativo por vulneración dos dereitos básicos dos concelleiros, xa que se nos nega calquera tipo de información. É lamentable.
E a nivel social, segue a haber conflitividade?
Existe unha crispación xerada polas propias accións do goberno que nunca se vira na época do goberno socialista. A alcaldesa foi inaugurar obras que nós xa tiñamos feitas acompañada da Garda Civil e esa mesma rexedora ten medo de falar ante os seus veciños, polo que parece que non está moi cómoda no seu posto.
Son incómodos os plenos?
Si o son é porque a alcaldesa é moi prepotente e fainos moi difícil o traballo. A min chegoume a berrar por sorrir no pleno, como se fose unha profesora cos seus alumnos. O novo grupo de goberno pasa da vontade popular e intenta levar a cabo calquera proxecto por riba de todo. Para logralo, sempre ten o apoio do PP.
Que opinión lle merece a ruptura do pacto antitransfuguismo e que o PSOE elixise un tránsfuga para liderar a candidatura de Benidorm?
Nós xa trasladamos a nosa opinión cuestionando a decisión do PSOE de incluír o tránsfuga de Benidorm. Non nos gustou e agora o PP galego está aproveitando unha conxuntura que non tiña por que aproveitar para colocar na liña de saída todos os tránsfugas. Non hai que esquecer que a moción en Silleda e todas as demais foron promovidas e auspiciadas polo PP e fomentadas por Rafael Louzán.
Non sería máis doado para os socialistas que o PSOE evitase presentar tránsfugas en vez de retar o PP a que faga o mesmo?
Eu son muller de esquerdas e liberal e creo firmemente que a democracia debe estar baseada nuns principios fortes. Por iso, que o PSOE presentase un tránsfuga en Benidorm foi algo que nin comparto nin me gusta. Oxalá que o PSOE o tivese corrixido a tempo.
É tarde para corrixilo?
Nunca é tarde para tomar unha decisión ben tomada.
Opina, como o seu partido, que todo é unha estratexia do PP?
Por suposto. Eu creo firmemente que é unha estratexia do PP organizada por Rafael Louzán para seguirse mantendo no poder na Deputación. A comarca do Deza, onde se engloba Silleda, non é fundamental para este obxectivo, pero os socialistas estabamos sendo como un buque insignia da esquerda nesta comarca tan de dereitas. A eliminación de quen chamaban “a rapaza” era algo fundamental para eles para que non seguísemos medrando.
Foi algo máis que un problema entre compañeiros?
O que fixeron os nosos ex compañeiros foi unha vendetta ao non cumprírenselles unhas pretensións que nós non considerabamos lícitas, pero o PP estaba vendo que estabamos gañando terreo grazas a unhas políticas sociais que gustaban á xente e por iso actuaron. A moción de censura coincidiu xusto antes de que se aceptase o plan anticrise da Deputación e o Plan E. Non se nos deixou dispoñer deses cartos.
Como ve o seu partido en Silleda de cara ás vindeiras eleccións municipais?
Vémolo con cautela e cos pés na terra, pero creo que estamos en boa situación porque a sintonía coa xente segue existindo. Estamos facendo un labor serio e constante de denuncia, pero tamén de achegas e ideas para que o concello siga medrando. Esperamos que a xente nos devolva nas urnas o que nos foi roubado coa moción de censura.
Mantén algún tipo de relación cos seus ex compañeiros do PSdeG?
É practicamente inexistente porque non quero compartir nada cunhas persoas que nin quero nin respecto. Eu non respecto as persoas que roubaron a vontade dun pobo, non necesito nin a súa amizade nin a súa complicidade.
Decepcionouna a política?
Non, en ningún momento. Cando me preguntan por que sigo despois de todo o que pasou, sempre lles respondo o mesmo: se tivese que volver pasar por todo o que pasei, repetiría porque as satisfaccións de poder traballar para os teus e os apoios recibidos valen máis que os malos momentos, que se esquecen máis rápido.
Por que cre que recibiu tanto apoio veciñal?
Silleda levaba moitos anos cunha política escurantista e a xente ilusionouse con nós. Trouxemos ilusión e demostramos que tiñamos ganas de traballar. Quérennos por iso, porque demostramos que había outra forma de facer política e que non todos eramos iguais.
Beneficiaralles todo o ocorrido para as vindeiras eleccións?
Cando pedimos que nos botaran unha man contra a moción de censura, había 4.000 persoas na rúa nunha localidade de 9.000 habitantes. Supoño que o que nos pasou faralle pensar e reflexionar á xente, pero os apoios virán polo traballo que estamos facendo. A xente sabe que, aínda estando na oposición, estamos traballando pola vila e iso será o que nos dea ou non apoios.