O PSdeG esixe a Feijóo "que deixe de desmantelar as políticas de igualdade en Galicia"
Representantes do PSdeG no ámbito local, provincial, autonómico e estatal, xunto a membros de diversas asociacións, reivindican nun acto en Silleda que o Goberno galego aposte polas políticas de xénero e igualdade ao igual que está a facer o Goberno Central.
Silleda, 24 de Xullo de 2010.- O PSdeG esixiu ao Goberno de Feijóo “que deixe de desmantelar as políticas de igualdade en Galicia” e reivindicou “unha aposta decidida polas políticas de xénero e igualdade ao igual que está a facer o Goberno central”. Estas demandas centraron as intervencións de diversos representantes do PSdeG hoxe na xornada “Muller súmate, vivir é decidir” organizada pola Secretaría de Igualdade da Executiva Provincial de Pontevedra, e que tivo lugar esta mañá en Silleda.
O acto contou coa participación de representantes do PSdeG nos ámbitos local, comarcal, provincial, autonómico e estatal, entre eles a portavoz socialista no Senado, Carmela Silva, a secretaria de Igualdade do PSdeG e directora do Instituto da Muller, Laura Seara, o secretario de Organización, Pablo García, o secretario provincial, Modesto Pose, o representante do grupo socialista no Congreso, Domingo Tabuyo, a portavoz do PSdeG, Mar Barcón, e a deputada por Pontevedra no Parlamento galego e secretaria de Igualdade da Executiva provincial, Carmen Cajide, o presidente da Fegamp, Carlos Fernández, ademais de representantes de agrupacións socialistas locais de diversos concellos galegos e de outros colectivos como asociacións de mulleres progresistas, Tenssé pola Igualdade, FADEMUR, e da Plataforma polo Dereito a Decidir, entre outras.
Carmen Cajide criticou na súa intervención o ataque do Goberno de Feijóo ás políticas de igualdade e aos avances acadados polo anterior Executivo, poñendo como exemplo a supresión do Servizo Galego de Igualdade, polo que reclamou aos socialistas galegos “levantar todos e todas a voz ante os atropelos da dereita”. Con este obxectivo a Executiva Provincial organizou esta xornada, para “abrir un foro de intercambio de ideas” e para animar ás mulleres a incorporarse ao proxecto de creación dunha rede pola igualdade.
A secretaria de Igualdade do PSdeG e directora do Instituto da Muller, Laura Seara, destacou a aposta do Goberno de Zapatero pola igualdade “que levou a este país á vangarda dos dereitos sociais e da igualdade”. Apuntou como principal exemplo desta aposta, a decisión de crear o Ministerio de Igualdade, e lembrou ao PP e a Rajoy que “a reforma da casa do concello de Madrid costou catro veces máis que o orzamento anual do Ministerio, así que xa poden buscar outra escusa para o seu obxectivo, que non é outro que acabar coa igualdade e as políticas para a súa defensa”.
A este respecto, Seara salientou outros avances a prol da igualdade de xénero e da defensa da muller, entre elas a Lei de Igualdade, a Lei de Educación Sexual e Interrupción Voluntaria do Embarazo, a loita contra a violencia de xénero, o plan de loita contra a trata de seres humanos ou a iniciativa para eliminar os anuncios de prostitución nos xornais.
Do mesmo xeito, Carmela Silva incidiu na importancia da igualdade para saír da crise “xa que as mulleres representamos o 50% do talento deste país, e por elo debemos ter a mesma representación na toma de decisións en todos os ámbitos”. Por elo, emprazou aos representantes das agrupacións socialistas e do movemento asociativo “a enfrontarse con valentía ás políticas conservadoras que buscan o retroceso dos dereitos da muller” e apostou por defender o feminismo, os dereitos da muller, a súa autonomía e o seu dereito a decidir, así como a loitar encarecidamente contra a violencia de xénero que diariamente sofren centros de mulleres nos seus fogares, tal e como está a facer o Goberno de Zapatero.
Pola súa parte, o presidente da Fegamp, reivindicou o papel dos concellos na incorporación da perspectiva de xénero nas súas políticas e na defensa da igualdade e lamentou que os recortes orzamentarios do Goberno galego “afecten especialmente aos servizos sociais e ás políticas de igualdade” xa que “os concellos cada vez contan con menos capacidade inversora, e as políticas sociais e de igualdade son as grandes prexudicadas”.
Críticas ao transfuguismo
Os participantes no acto tiveron palabras de recoñecemento e apoio para a ex alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, despois de que a pasada semana a Comisión do Pacto Antitransfuguismo recoñecese a moción de censura de Silleda como un caso de transfuguismo. Así, tanto o secretario de Organización, Pablo García, como a responsable de Política Municipal, Mar Barcón, expresáronlle o apoio do PSdeG ante o “asalto a alcaldía de Silleda por parte dos tránsfugas”.
Barcón lembrou que “neste mesmo salón vimos como nos roubaban o goberno municipal, pero Paula volverá á alcaldía a través do único xeito lexítimo en democracia, que é pola vontade da cidadanía”. A este respecto, Paula Fernández salientou o retroceso das políticas de igualdade no concello de Silleda co novo goberno local “como demostra que entre as súas primeiras decisións estivese a supresión da concellería de igualdade”. “O PP non conseguirá facer calar aos que cremos na democracia”, sentenciou.