19 de novembro de 2018

Restringido   Contacto  Engador a Favoritos

Inicio

AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE SILLEDA

 


Home / ACTUALIDADE / NOVAS / Silleda logrou formalizar xa os primeiro

NOVAS

Silleda logrou formalizar xa os primeiros contratos a través da bolsa municipal de emprego

O programa Silleda Emprega xa despertou o interese de empresas e particulares

 

11/10/2011

 

Silleda, 8 de outubro de 2011. Dende a súa posta en marcha a finais do mes de xullo, o programa Silleda Emprega logrou xa a formalización dun total de 8 contratos de forma directa. Esta bolsa de emprego posta en marcha dende a Administración Local para convertirse en mediadora entre a oferta e a demanda botou a andar pois con éxito, logrando xa as primeiras insercións no mercado laboral. En total unha ducia de empresas asentadas no municipio e tres particulares acudiron ás oficinas municipais a interesarse pola contratación de desempregados anotados neste plan municipal. Destes, tres empresas e un particular pecharon finalmente a contratación de oito persoas. Do resto de empresas interesadas algunha está aínda realizando a selección de candidatos, co que se espera que a cifra siga aumentando.

Ademais desta cifra habería que ter en conta tamén outros 10 contratos por parte do Concello, que acudiu aos anotados no Silleda Emprega para cubrir baixas ou vacacións dos traballadores municipais, aínda que con contratos de pouca duración que xa concluiron. Tamén nos últimos meses se procedeu á contratación doutras 10 persoas máis no Concello mediante proceso de selección co persoal remitido polo INEM dentro do Plan de Cooperación da Xunta, por un periodo de seis meses.

Así mesmo, a posta en marcha de servizos municipais coma o programa Cascarón, coa contratación de 11 persoas (a empresa adxudicataria gañou precisamente o concurso por ofertar máis persoal), ou das escolas deportivas, con outros 11 monitores, tamén propiciou a reactivación do mercado laboral no municipio trasdezao. Con esto, as políticas municipais de emprego non se reducen só á mediación, senon que tamén se aposta pola busca de alternativas e outras propostas de xestión buscando o aumento de postos de traballo.

“Cremos que o programa Silleda Emprega foi un acerto, xa que no actual escenario económico unha inserción no mercado laboral é sen dúbida unha grande nova. Os resultados en apenas tres meses son moi satisfactorios”, sinala a concelleira de Emprego silledense, Margarita Campos Espiño.

Con este programa o Concello de Silleda convírtese pois nun axente activo nas políticas de loita contra o desemprego, unha das lacras da sociedade actual, contribuíndo en definitiva á dinamización económica no municipio. Nos últimos meses foron moitos os veciños en situación de desemprego que se achegaron ata as oficinas para interesarse pola bolsa de emprego e achegaron os seus currículos. A día de hoxe seguen chegando máis demandas. Ademais de entregalo nas oficinas municipais (nas dependencias da rúa Alonso Trabazo número 3), os interesados en anotarse no Silleda Emprega poden descargar unha ficha de inscripción na web municipal (www.silleda.es) e reenviala on-line á dirección emprego@silleda.es.

Á cabeza na comarca do Deza

Aos bos resultados nestes primeiros meses súmase o feito de que Silleda é, segundo os últimos datos de poboación activa, o municipio da comarca do Deza no que máis baixou o desemprego. “Este dato tamén nos da alento para seguir traballando na mesma dirección. Non podemos baixar a garda. Calquera cifra, por pequena que sexa, de reactivación no mercado laboral debe ser motivo de satisfacción nestes difíciles momentos polos que está a atravesar a economía a nivel global”, engade Margarita Campos.

 

 

 

 

 

 


E-mail: silleda@psdeg-psoe.org
Configuración óptima 1024*768 / IE, Nestcape 4.0 ó superiores y Opera