Paula Fernández Pena, voceira do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, presenta para o seu estudio, debate e aprobación, se procede, por parte do Pleno do concello a seguinte
MOCIÓN:
Ante a devastadora situación da poboación de Haití é necesaria unha mobilización mundial para tentar recompoñer ese país e que poida saír canto antes dunha situación que a día de hoxe semella baleira de esperanza.
A posta en marcha de iniciativas sociais como a apertura de contas para facer achegas, ou incluso a gala organizada polo concello permítennos ós veciños e veciñas de Silleda colaborar economicamente con este desastre dunha maneira urxente e inmediata.
O grupo municipal socialista ten claro que a clase política ten que ser o mellor dos exemplos para promover a solidariedade entre tódolos veciños e por iso aportarán todas as asignacións por asistencias ó pleno e ás comisións informativas a unha ONG vinculada con Haití.
Ademais, propoñen ó pleno a adopción do seguinte acordo:
- Que o Concello de Silleda doe o total das asignacións correspondentes ás asistencias ás sesioóns dos cargos electos consignados no orzamento prologado do 2010, coa maior urxencia á ONG que se decida por consenso entre toda a corporación.
- Que o Concello de Silleda solicite á Mancomunidade Terras do Deza as asignacións correspondentes ás asistencias ás sesións dos cargos electos Silledenses sexan ingresados, coa maior urxencia á ONG que se decida por consenso entre toda a corporación.